Vilalba xa ten listo un proxecto para a renovación do parque infantil da Alameda de Basanta Olano

TerraChaXa
O goberno de Vilalba anuncia que xa ten listo un proxecto para a renovación integral do parque infantil da Alameda de Basanta Olano.
parque infantil
19 Maio 2021

O grupo de goberno do Concello de Vilalba anuncia que xa ten listo desde febreiro un proxecto para a renovación integral do parque infantil da Alameda de Basanta Olano.

“Chama a atención que se pidan labores de mantemento nunha instalación que xa non ten arranxo posible porque atopámola moi deteriorada hai dous anos; o que fixemos foi un proxecto de renovación integral que xa está listo”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.

Con esta actuación, o concello renovará o citado parque e complementará o parque infantil existente na Praza da Constitución, recentemente ampliado, rematando así a creación dun gran espazo de lecer na principal praza de Vilalba, con xogos infantís adaptados a todas as idades axeitadamente conservados e certificados para o seu uso con total seguridade.

As actuacións que pretenden levarse a cabo consistirán na renovación do pavimento amortiguador de seguridade, a colocación dun sumidoiro que recolla as augas pluviais da praza e elimine os problemas de humidade, a retirada dos xogos existentes e a colocación de novos xogos e aparatos homologados.

Tamén se colocarán mamparas de policarbonato na parte norte e oeste do parque, co obxectivo de evitar as caídas a distinto nivel e cumprir coa normativa vixente.

“É un proxecto de máis de 30.000 euros a disposición dos grupos da oposición ou de calquera veciño que quiera consultalo, só estamos pendentes da solicitude dunha subvención que realizamos para esta actuación antes de comezar as obras”, engade Fernández.

0.27944612503052