Vilapedre celebrará o Entroido o 28 cun amplo programa de actividades para todas as idades

TerraChaXa
A venda de tíckets para o xantar permanecerá aberta ata o luns 23 de febreiro
entroido-vilapedre
22 Feb 2026

A Asociación de Veciños de Vilapedre organiza unha nova edición do Entroido cunha completa programación de actividades que se desenvolverán ao longo da xornada e que incluirán propostas gastronómicas, animación, desfile e baile para todos os públicos.

Os actos darán comezo ás 14.00 horas cun vermú amenizado por Puzzle Animación, seguido ás 15.00 horas dun gran xantar con aforo limitado e servizo de catering. O menú para persoas adultas estará composto por sopa de cocido, cocido completo, sobremesa, bebidas, café e licores, cun prezo de 38 euros para non socios e de 28 euros para socios. No caso do menú infantil, destinado a menores de ata 12 anos, incluirá macarróns á boloñesa, sobremesa e bebida por 20 euros, sendo gratuíto para menores de seis anos.

A partir das 18.00 horas ofrecerase chocolate con biscoito de balde, ademais da merenda para a cativada e a inscrición das persoas participantes no desfile. Establécense as categorías de individual adultos, parella adultos, grupo adultos e comparsas adultos.

O gran desfile terá lugar ás 19.00 horas e contará tamén coa animación de Puzzle Animación. Xa pola noite, ás 21.00 horas, procederase á entrega de premios, nos que se valorarán os disfraces artesanais e orixinais, incluíndo un premio especial para todos os cativos que participen disfrazados.

A programación continuará ás 21.30 horas co baile de Entroido e un sorteo especial. A venda de tíckets para o xantar permanecerá aberta ata o luns 23 de febreiro, lembrando a organización que unha vez completado o aforo máximo non se porán á venda máis entradas.

0.047140836715698