Vilapedre contará este venres cun concurso de tapas de casa

A Asociación de Veciños de Vilapedre organiza este venres, 25 de abril, ás 22:00 horas, na Casa da Escola, o esperado Concurso de Tapas da Casa. Esta iniciativa gastronómica está aberta a toda a veciñanza e ten como único requisito para participar o feito de cociñar algunha tapa. A inscrición é gratuíta e pode realizarse ata o 21 de abril, comunicando á organización que prato se vai presentar.
O evento está pensado tanto para participantes como para persoas que desexen simplemente asistir e degustar as distintas propostas culinarias, xa que, mesmo quen non participe no concurso poderá probar as tapas. Durante a celebración, cada persoa asistente poderá votar pola(s) súa(s) tapa(s) favorita(s). A organización garante premios para todas as persoas que participen e, por suposto, tamén para as gañadoras.
Ademais do concurso, os afeccionados aos xogos de cartas tamén terán a súa oportunidade de desfrutar, xa que haberá unha partida de tute para completar a velada. A Asociación anima á veciñanza a contactar cos seus membros para máis información e participación.