Vilapene celebra Santa Lucía cunha xornada de festa, música e xantar veciñal

A parroquia de Vilapene, no concello de Cospeito, prepara unha intensa xornada festiva o sábado 13 de decembro de 2025 con motivo da celebración de Santa Lucía. A programación, organizada pola Asociación Veciñal de Vilapene coa colaboración da Deputación de Lugo e o Concello de Cospeito, combinará os actos relixiosos coa música tradicional e un xantar de confraternidade.
As misas celebraranse ás 11.00 e ás 13.00 horas, seguidas de procesión e sesión vermú no atrio da igrexa, amenizadas polo grupo de música tradicional Axóuxere de Roupar, dentro do ciclo Tradigalu 2025, promovido pola área de Cultura da Deputación.
A partir das 15.00 horas, terá lugar un gran xantar veciñal na antiga Cámara Agraria da Feira do Monte. O menú incluirá callos, tenreira asada, sobremesa, café e chupito, con servizo a cargo de Pulpo Debasa Catering. O prezo será de 30 euros para socios/as e 35 para non socios/as, con opción de menú infantil (ata 12 anos) por 15 euros. As persoas interesadas deberán adquirir o seu ticket antes do 5 de decembro, contactando con calquera membro da directiva da asociación.
A festa continuará pola tarde cunha sesión musical a cargo de Javi Show, que porá o punto final á celebración. Desde a organización destacan que se trata dunha das citas máis tradicionais da parroquia e unha das mellor valoradas polos veciños, que cada ano manteñen viva a devoción e o espírito de convivencia que caracteriza as festas de Santa Lucía.