Os frescos dos Vilares son pinturas murais descubertas en 1991, incluídas na lista vermella do patrimonio do Estado, por atoparse en serio risco de desaparición. Autoría dos mestres de Parga e Nogueira, cun estilo gótico hispano-flamenco, representan "un conxunto mural único na Galiza que soporta case seis lustros de desleixo por parte da Igrexa e das diferentes administracións", reivindican desde a asociación Lareira de Soños.
20 poetas prestaron os seus versos para reclamar a restauración deste patrimonio: Ana Vila Portomeñe, Pilar Maseda, Carlos Neira Suárez, Toño Núñez, José Carlos Ulloa, Roberto Losada, José Vazquez Liste, Pilar Alonso María Xosé Lamas, Beatriz Coira, Macamen Alonso, Antón de Guizán, Ana García Rivas, Teresa Ríos, Moncho Bouzas, Emilia Martínez Fuentes, Miguel Queipo Salvande, Pas Veres e Xelo Teijido.
O poemario colectivo será enviado impreso por correo postal ás diferentes administracións (Deputación de Lugo, Concello de Guitiriz, Xunta da Galiza e Diocese de Mondoñedo-Ferrol). Así mesmo, o libro poderá descargarse de balde nos próximos días da web da Nova Poesía Guitírica (www.npggazeta.gal).
A asociación Lareira de Soños xa desenvolveu outras accións para reclamar o coidado debido deste patrimonio, como a edición de trípticos e paneis informativos, chamadas de atención ao Parlamento e Valedor do Pobo, vídeos publicitarios, charlas e mesmo a redacción dun anteproxecto.