Visita ás obras de saneamento no barrio vilalbés das Fontiñas

TerraChaXa
A Xunta de Galicia financiou a construción de novas redes de saneamento e abastecemento no barrio das Fontiñas, en Vilalba, cun investimento de 208.
310518 FCA Vilalba
31 May 2018

A Xunta de Galicia financiou a construción de novas redes de saneamento e abastecemento no barrio das Fontiñas, en Vilalba, cun investimento de 208.000 euros procedentes do Fondo de Compensación Ambiental que xestiona a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou a zona acompañado polo alcalde, Agustín Baamonde, e destacou “o impulso ás dotacións e servizos municipais que supón este programa da Xunta, que todos os anos redistribúe entre os concellos o canon eólico”.

Neste caso o concello de Vilalba destinou os fondos á mellora do saneamento e o abastecemento dunha ampla área situada no núcleo urbano. En concreto, construíronse novas redes na Avenida de Galicia por ambas marxes partindo do cruce coas rúas San Roque e Calvario en dirección sur.  Pola marxe dereita, actuouse sobre un treito de 378 metros de lonxitude ata o acceso á Biblioteca, e pola marxe esquerda nun treito de case 100 metros.

Os colectores de saneamento e abastecemento discorren baixo as beirarrúas, polo  que foi preciso repoñer o pavimento e tamén as canalizacións do sistema de iluminación pública que se viron afectadas. As principais rúas nas que se executou a intervención foron, ademais das xa citadas, a Rúa Nova, San Roque, Xermade e Antonio García.

A nova rede de saneamento está formada por case 500 metros de tubo de PVC de diámetros variables e os correspondentes pozos de rexistro e acometidas domiciliarias formadas por tubo de PVC de 200 milímetros de diámetro.

A rede de abastecemento de auga potable, dunha lonxitude similar á anterior, está formada por tubaxes de PVC de 200 milímetros de diámetro. Ademais dos entronques cos ramais existentes e as acometidas domiciliarias, construíronse válvulas de corte, bocas de rego e bocas de incendios.  

Balseiro destacou que o Fondo de Compensación Ambiental “serve para incrementar e modernizar as infraestruturas municipais, coa vista posta no obxectivo de mellorar a eficiencia no aproveitamento dos recursos, avanzar na sustentabilidade e protexer a biodiversidade e a calidade medioambiental”.

A Xunta destina os ingresos derivados do canon  á conservación, reposición e restauración do ambiente, así como a actuacións de compensación e reequilibrio ambiental e territorial,  das cales son principais beneficiarios os municipios afectados pola implantación de parques eólicos e polas instalacións de evacuación destes.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17455387115479