Visita dun distribuidor alemán e do chef Song Lee ao IES de Foz para coñecer o produto fresco da Mariña

TerraChaXa | AMariñaXa
11 Abr 2019

Unha delegación alemá da que forman parte un distribuidor de produtos gourmet en Berlín, Marcus Lind, e o prestixioso cociñeiro de orixe coreana Song Lee, especialista en sushi, visitaron as lonxas de Celeiro e Burela e o IES de Foz para coñecer o peixe fresco da zona. Esta actividade, denominada misión comercial inversa, foi organizada pola empresa mariñá Pescados Orol, que traballa para vender peixe fresco en Alemaña. Ata agora faino en diferentes lugares de España e tamén Portugal e Italia.

A responsable de Calidade de Pescados Orol, Belén González, explicou que esta iniciativa xurdiu “a raíz dun contacto cun distribuidor alemán de produtos gourmet que traballa sobre todo na zona de Berlín e que está interesado en abrir mercado de peixe fresco de calidade en Alemaña. Este tipo de distribuidores traballan habitualmente coñecendo o produto desde a súa orixe, polo que tiña interese en vir directamente a ver o peixe e acompañámolo ás lonxas de Burela e Celeiro, onde estivemos presenciando a venda de marisco e de peixe do día, no primeiro caso, e a de pescada, no segundo. Este distribuidor ven acompañado dun dos seus clientes, que é un cociñeiro alemán de orixe coreana especialista na elaboración de sushi. Pareceunos moi boa idea que para coñecer o produto directamente eles mesmos escolleran o peixe nas lonxas e ao día seguinte ir á Escola de Cociña de Foz para que o cociñeiro preparara sushi e ensinou aos alumnos as súas técnicas. E o alumnado da Escola mostrou as preparacións habituais da zona nas que se cociñan eses mesmos peixes”. Para esta actividade no IES de Foz utilizouse xarda e robaliza e o cociñeiro Song Lee destacou a calidade do peixe e comentou que en Alemaña é difícil traballar con produto tan fresco.

Despois os responsables de Pescados Orol levaron á delegación alemá a un restaurante para degustar un menú con varios peixes da zona.

Pescados Orol agradece a colaboración das lonxas de Burela e de Celeiro, que permitiron á delegación alemá presenciar a venda e coñecer como funcionan ABSA e Puerto de Celeiro.

E o director do IES de Foz, Nicolas Asensio, amosouse satisfeito co desenvolvemento desta actividade porque “aprender as técnicas de Song Lee resultou moi interesante para o alumnado e o profesorado dos ciclos de Cociña do centro que participaron”, polo que agradeceu a Pescados Orol que contara co IES focense para esta iniciativa.

0.13961100578308