Visita guiada ao Arboretum de Galicia, un espazo único en Begonte

A asociación Castiñeiro Milenario organiza o domingo 22 de xuño unha visita guiada ao Arboretum de Galicia, un espazo natural protexido situado en Reiriz, na parroquia de San Vicente de Pena (Begonte), onde se cultivan coleccións de árbores e plantas vasculares con criterios paisaxísticos e fins pedagóxicos.
Grazas á colaboración de César Debén, un dos responsables do arboreto, esta actividade desenvolverase de xeito excepcional e estará aberta a todos os públicos, sempre que se respecten as normas do espazo.
A xuntanza será ás 10:30 da mañá no aparcadoiro da Igrexa de San Vicente de Pena, desde onde se baixará a pé ata as instalacións. A visita terá unha duración aproximada de 2 a 3 horas.
As prazas son limitadas, polo que é preciso inscribirse previamente a través do correo electrónico castineiromilenario@hotmail.com ou polas redes sociais da asociación.