Viveiro acepta a proposta do BNG para a medicalización do Albergue de Area
Onte levouse a cabo a reunión de voceiras no salón de Plenos da Casa do Concello de Viveiro, na que asistiron os voceiros dos grupos políticos con representación municipal, BNG, PSOE, PP, Por e Son Viveiro, ademais das autoridades, Policía Local, Policia Nacional, Guardia Civil e Guardia Civil do Mar.
Foron escoitadas e aceptadas as tres demandas que levaba o BNG a mans da súa portavoz, Míriam Bermúdez, as cales foron habilitar e medicalizar o Albergue Xuvenil de Area, a moratoria de pago daqueles impostos locais que van vencer e a paralizacion inmediata das cotas de servizos municipais e estar en constante comunicación cos dous centros de maiores.
Míriam Bermúdez recalca "desde o BNG reiteramos a total e leal colaboración para loitar contra a crise do coronavirus no Concello. Nunha situación así, toda forza que fagamos é pouca pero necesaria, por iso preguntamos ao resto de grupos da corporación municipal se querían formar parte da petición á Xunta de Galicia de medicalizar o albergue de Area, onde todos aceptaron redactalo en conxunto."
Tamén a portavoz do BNG viveirense pide que estas reunións non sexan máis das necesarias e se faigan por vía telemática, "temos que comprender a situación de alarma na que vivimos, non ten sentido expoñernos nós e expoñer aínda máis ás forzas do estado e as locais, como tampouco á pobocación coa que nos crucemos polo traxecto de maneira innecesaria".