Viveiro acolle esta fin de semana unha concentración de máis de 120 autocaravanas

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Viveiro acolle hoxe, venres 14, e ata o domingo unha concentración de autocaravanas, unha forma de facer turismo que está en auxe desde hai anos.
14 Feb 2020

O Concello de Viveiro acolle hoxe, venres 14, e ata o domingo unha concentración de autocaravanas, unha forma de facer turismo que está en auxe desde hai anos.

O prazo para inscribirse na concentración, organizada pola Asociación Galega de Autocaravanas en colaboración co Concello de Viveiro, remata hoxe e polo momento xa hai inscritas 115 autocaravanas.

Chegarán a Viveiro ao longo da xornada de mañá e vanse instalar na explanada do pavillón municipal, onde está ubicada a área para autocaravanas que o concello habilitou o ano pasado, e ao longo do paseo marítimo.

O sábado, ás 10:30 horas, farase unha pequena recepción dos participantes por parte da alcaldesa, María Loureiro, e da concelleira de Turismo, Marisol Rey. “Cada vez son máis as persoas que optan por comprar ou alquilar autocaravanas para as súas vacacións e visitas, polo que estamos moi satisfeitas de que elixiran Viveiro para pasar uns días, temos moito que ofrecerlles”, afirma a alcaldesa.

Os participantes realizarán o sábado visitas ao mirador de San Roque, rutas de senderismo pola beira do río Landro e visitas guiadas polo casco antigo (esta visita polo casco antigo é organizada polo concello).

Pola tarde, os nenos asistirán á obra de teatro infantil A fraga do meu avó, de Mamá Cabra, no Teatro Pastor Díaz, tamén grazas ás xestións realizadas polo concello. O domingo, a Asociación Galega de Autocaravanas celebrará no Teatro Pastor Díaz a súa Asemblea Xeral Ordinaria.

0.19408798217773