Viveiro anima aos mozos a participar como voluntarios

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Viveiro anima aos mozos e mozas de entre 16 e 30 anos a participar como voluntarios no Programa Servizo Voluntariado Xuvenil 2020 organizado dende a Oficina Municipal de Voluntariado e a Oficina Municipal de Información Xuvenil.
14 Feb 2020

O Concello de Viveiro anima aos mozos e mozas de entre 16 e 30 anos a participar como voluntarios no Programa Servizo Voluntariado Xuvenil 2020 organizado dende a Oficina Municipal de Voluntariado e a Oficina Municipal de Información Xuvenil.

Este programa, ao abeiro dunha subvención da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, pretende brindar á mocidade a oportunidade de desenvolver unha serie de posibilidades no ámbito persoal e profesional, e contribuír a aumentar a súa dispoñibilidade de cara ao emprego e a súa participación na sociedade en xeral.

A iniciativa enmárcase dentro da Concellería de Servizos Sociais e Inmigración e componse de diferentes actividades de apoio educativo e de lecer a colectivos en situación de risco que se levan a cabo durante todo o ano.

Hai un compoñente sensibilizador e formativo, xa que a través do mesmo pódese formar a un equipo de voluntarios/as que desexen colaborar de forma solidaria na organización destas actividades. A labor dos/das voluntarias/os basearase na intervención con menores e adultos, para fomentar a súa formación, promover o coñecemento, e aproveitar os recursos do noso concello.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destaca a importancia de que “os mozos e mozos participen neste tipo de iniciativas, que lles servirán como experiencia persoal e profesional, estou convencida de que non esquecerán a súa labor como voluntarios”.

O programa vai dirixido voluntarios/as con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos que teñan, preferiblemente, algunha formación na área educativa ou social. Ten unha duración comprendida entre 15 e 60 días,  desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2020, en función das indicacións da orde de convocatoria da axuda da Dirección  Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

“Como actual concelleira de Benestar Social e participante do Programa de Voluntariado Xuvenil da Xunta en 2018, insto a toda a xuventude de entre 16 a 30 anos con interese no eido social e educativo a participar polo enriquecedor da miña propia experiencia, no só a nivel laboral senón especialmente persoal”, asegura a concelleira Victoria Baamonde.

“Formar parte dun proxecto coma este supón unha oportunidade única na que formar parte dun equipo multidisciplinar cun interese común, apoiar o desenvolvemento integral de aqueles nenos, nenas e adolescentes que mais o necesitan”, engade.

A mocidade interesada en participar deberá cubrir  unha ficha solicitando a participación voluntaria no programa e acudir á Oficina Municipal de Voluntariado, situada no Centro de Servizos Sociais (avda. de Cervantes s/n), os martes en horario de 10:30 h. a 13:30 h., ou chamando os teléfonos 982 550421/982 562149.

Tamén poden ir á Oficina Municipal de Información Xuvenil, situada no Concello de Viveiro, de luns a venres en horario de 10.15 a 13.30 horas, ou chamando ao teléfono 982 560128.

0.043123006820679