Viveiro aproba un protocolo para a reincorporación presencial do persoal municipal

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Viveiro aprobou un Protocolo de reincorporación presencial aos postos de traballo do persoal municipal, co obxectivo de facelo de forma gradual e tendo en conta o escenario actual no que se están a producir pequenas flexibilizacións no confinamento e coa previsión do comezo da denominada desescalada.
4 Maio 2020

O Concello de Viveiro aprobou un Protocolo de reincorporación presencial aos postos de traballo do persoal municipal, co obxectivo de facelo de forma gradual e tendo en conta o escenario actual no que se están a producir pequenas flexibilizacións no confinamento e coa previsión do comezo da denominada desescalada.

O protocolo cumprirá en todo caso co disposto en cada momento polas autoridades sanitarias para garantir a seguridade tanto dos empregados municipais como do conxunto de veciños e veciñas que acudan ás instalacións municipais. O concello puxo este protocolo a disposición dos sindicatos, antes da súa aprobación, para que puidesen manifestar as súas consideracións ao respecto.

Neste protocolo regúlanse, entre outras cuestións, como se realizará a reincorporación dos diferentes servizos, o procedemento a seguir nos casos de traballadores que pertenzan a grupos vulnerables ao COVID-19, as medidas de prevención a adoptar en relación coas instalacións e centros de traballo ou as avaliacións que se realizarán dos postos de traballo ao respecto dos riscos de contaxio, en outras medidas.

En virtude do seu contido, a partir do vindeiro luns incorporaranse aos seus postos de maneira presencial os traballadores dos servizos da brigada de obras e de vixiancia urbanística.

Os traballadores do servizo de parques e xardíns recuperarán tamén a súa xornada e tarefas habituais e os conserxes das instalacións municipais que permanecen pechadas acudirán presencialmente aos seus postos de traballo para a revisión periódica e realización do mantemento básico da súa competencia, co fin de que as instalacións se atopen en óptimo estado para o momento da súa reapertura.

En canto aos servizos administrativos, mantense o traballo telemático, establecendo a incorporación presencial de forma progresiva, segundo as pautas que se vaian ditando polas autoridades competentes.

“Coa aprobación deste documento, establécese o procedemento a seguir para a reincorporación presencial dos traballadores municipais aos seus postos, determinando unha incorporación progresiva en función das necesidades de cada un dos servizos”, explica a alcaldesa, María Loureiro.

A partir da aprobación deste documento, ditaranse as resolucións que en cada momento corresponda, en virtude das necesidades concretas e atendendo ás directrices das autoridades competentes, que poderán implicar a modificación, ampliación, restrición ou variación do seu contido.

0.19441294670105