Viveiro axudará a autónomos e pemes
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o voceiro de Por Viveiro, Bernardo Fraga, espuxeron o borrador das bases das axudas a pemes e autónomos incluídas nos orzamentos de urxencia pactados polo Goberno vivairense.
Destinaranse un total de 400.000 euros para microempresas, pemes e traballadores por conta propia cuxa actividade se vise afectada polo peche de establecementos con motivo do estado de alarma. A normativa establece unha contía fixa de 850 euros por cada un dos 470 beneficiarios da medida e teñen opción de adicarlos ao aluguer do local, de vehículos, hipotecas, gastos de auga, luz e gas, nóminas, Seguridade Social, publicidade...
As bases debatiranse no Pleno o 2 de xuño pero xa que o grupo socialista e o independente forman maioría, aprobarase con total probabilidade.
Unha vez haxa luz verde da corporación, deberán estar 15 días en publicación, polo que o proceso podería poñerse en marcha a finais de xuño.
Poderán requerir as axudas as persoas físicas e xurídicas, comunidades de bens ou sociedades civís cuxa actividade se vira interrompida necesariamente polo estado de alarma. En ningún caso o importe da subvención, unido ao doutras posibles subvencións, ingresos ou recursos pola mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público, poderán superar o custo total dos gastos subvencionables.
O modelo de solicitude pódese consultar na web municipal, e o prazo de presentación das mesmas será dun mes desde a súa publicación no Boletín Oficial da Provincial (BOP).
Os autónomos e empresas deberán entregar unha memoria xustificativa coas condicións impostas e tamén co custo das actividades realizadas. Así mesmo deberán manter a actividade empresarial durante tres meses como mínimo, a partir da finalización do estado de alarma.
No caso de ter traballadores, comprométense a manter como mínimo no terceiro mes a partir da finalización do estado de alarma, un 50% do persoal declarado no mes anterior á declaración do estado de alarma.
Para máis información pódese consulutar o borrador na páxina web.