Viveiro conta co seu ‘Banco Rojo’
O Concello de Viveiro conta desde hoxe co seu ‘Banco Rojo’, unha iniciativa destinada a concienciar e dar visibilidade á loita contra a violencia de xénero.
O ‘Banco Rojo’ é un proxecto internacional cultural e pacífico de prevención, información e sensibilización contra o femicidio. O seu obxectivo é facer reflexionar a quen vexa este símbolo, porque o desenlace fatal é evitable se a violencia detense a tempo.
A inauguración do banco na Praza da Habana, á que asistiu a concelleira de Muller, Lara Fernández Fernández Noriega, é unha das actividades organizadas polo Concello de Viveiro dentro da campaña ‘En negro contra as violencias’.
O día 25, haberá unha concentración silenciosa ‘En Negro’ ás 12:00 horas na praza Maior, onde se lerá un manifesto reivindicativo. “Este ano máis que nunca queremos sumarnos a esta campaña, xa que a violencia de xénero segue aí e incluso producíronse máis situacións e casos preocupantes polo confinamento derivado da pandemia”, asegura a alcaldesa de Viveiro.
Xa que este ano son más complicadas as actividades presenciais, o concello invita a todos os axentes sociais (comercio, centros educativos, etc) e á veciñanza a participar na campaña ‘En Negro’ a traves de redes sociais. Na web ennegrocontraasviolencias.gal pódese descargar todo o material. Os hashtag serán #EnNegroContraAsViolencias, #EnNegro2020, #GaliciaEnNegro, #QuerémonosVivas e #NonEstásSoa.
Finalmente, o venres o Concello de Viveiro acollerá unha nova reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, presidida pola alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
A Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero constituíse en outubro de 2018 e nela están representados todos os axentes sociais que traballan en Viveiro contra a violencia de xénero.