Viveiro convoca unha marcha veciñal en defensa do saneamento da ría

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
29 Ago 2019

A plataforma veciñal que se formou en días pasados e que veu realizando diferentes concentracións a favor da praia de Celeiro, organiza unha marcha en defensa da ría de Viveiro, co fin de esixir o urxente saneamento da ría de Viveiro e a realización das obras necesarias para eliminar os vertidos existentes, que terá lugar o sábado 31 de agosto de 2019, ás 18:00 horas, dende a praia de Celeiro ata o espigón de Celeiro, cunha duración estimada de unha hora. Esta iniciativa conta co apoio total do Concello de Viveiro, polo que se realiza un chamamento para animando a todos os veciños e veciñas a que o vindeiro sábado participen na marcha convocada, entendendo que o saneamento da ría de Viveiro é un problema que afecta a todos os veciños e veciñas, pois aínda que naceu en Celeiro, por ser a máis afectada este verán, afecta a todo Viveiro.

Aproveitando esta convocatoria quérese facer constar que dende o Concello de Viveiro non se vai a entrar no cruce de acusacións que estes días se veñen realizando por parte da Xunta de Galicia con respecto ás tramitacións que dende a administración local se veñen realizando e os prazos das mesmas. Nos expedientes consta a data de entrada e saída de cada un dos escritos que o integra; esa documentación ponse a disposición dos veciños que queiran consultala para comprobar que o concello sempre contestou a cada un dos requerimentos relativos a expediente da EDAR coa máxima dilixencia posible.

0.18254899978638