Viveiro deseña un protocolo para actuar en casos de violencia de xénero nos colexios

TerraChaXa | AMariñaXa
24 Jan 2021

O Concello de Viveiro elaborará un protocolo común de actuación para os casos nos que se detecte unha posible situación de violencia de xénero no ámbito educativo.

A iniciativa tratouse na última reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero. Para elaboración do protocolo, o concello tomará como referencia a Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo, elaborada pola Xunta de Galicia e á que teñen acceso todos os centros educativos, e o Protocolo municipal de coordinación, cooperación, prevención e sensiblización contra a violencia de xénero, do Concello de Viveiro.

Para iniciar a elaboración do protocolo común, na reunión propúxose que os centros educativos participantes analicen os documentos e fagan unha análise das necesidades que se poden plantexar en cada centro, propostas para facer efectiva e real a aplicación da Guía, dispoñibilidade de tempo e posibles apoios do propio centro educativo para levar a cabo o proxecto, que farán chegar ao Centro de Información ás Mulleres (CIM) para que éste vaia dando forma ao documento.

Ante a predisposición de todas as participantes na reunión a levar a cabo o proxecto, acordouse establecer un grupo de traballo, tendo a ditas persoas como referentes (gardiás da igualdade) en cada centro educativo.

Por outra parte, a concelleira de Igualdade, Lara Fernández Fernández-Noriega, explicou na reunión o proxecto chamado ‘Viveiro de igual a igual’, para sensibilizar e educar en igualdade durante todo o ano e non simplemente cando se conmemoran as efemérides como poden ser o 8 de marzo ou 25 de novembro. É unha proposta para traballar en colaboración cos distintos axentes sociais pola igualdade.

A idea resumo é plantar a semilla da igualdade na sociedade a través de distintos proxectos ou actividades, en colaboración cos distintos axentes implicados. Para iso, a primeira proposta sería comenzar a plantexar o proxecto no ámbito educativo, tentando facer un proxecto curricular de actividades para traballar a igualdade nas aulas e fora delas durante todo o ano e de xeito transversal.

“Trataríase de marcar un aspecto da igualdade común a todos os centros educativos para traballar en diversas asignaturas durante a totalidade do curso escolar, para despois poñer en común os resultados mediante unha exposición, un traballo en conxunto”, explica Lara Fernández.

En palabras da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, “son dúas iniciativas máis no noso obxectivo de acadar unha igualdade real no noso concello, queremos un Viveiro plural, inclusivo e respectuoso con todos os xéneros e colectivos”.

0.15473294258118