Viveiro firma outros tres convenios coa Deputación
O Concello de Viveiro asinou nas últimas datas catro convenios coa Deputación Provincial de Lugo por un importe total de 126.722 euros.
O primeiro destes convenios céntrase no acondicionamento das redes secundarias de faixa de xestión da biomasa, que permiten previr o inicio dun lume e a súa propagación. O convenio permitirá proceder á roza mecanizada en marxes de camiños de titularidade municipal, nunha lonxitude de 9,5 quilómetros.
Este convenio asínase ao abeiro do programa O que non arde, desenvolto pola Área de Medio Rural. O acordo implica un importe de 10.400 euros, dos que máis de 4.900 euros son financiados pola Deputación de Lugo, mentres que o Concello de Viveiro encárgase de achegar dos 5.500 euros restantes.
Outros dos convenios asinados teñen por obxecto a celebración do Belén a tamaño natural 2019-2020 e 2020-2021, respectivamente. Cada un destes convenios ten un importe total de 45.000 euros, dos que a achega da Deputación ascende a 35.000 euros e a do Concello é de 10.000 euros. O Belén Viveiro ante o Berce, que é considerado como un dos máis importantes de Galicia, constitúe un importante reclamo turístico e cultural e supón un impulso económico destacable para a economía local.