Viveiro fixa o martes do Entroido e o luns do Naseiro como os festivos de 2020

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Viveiro quere aclarar que, como todos os anos, se aproba en pleno a designación dos días festivos locais deste concello para o vindeiro ano, que normalmente son o Martes de Entroido e o 16 de agosto.
6 Out 2019

O Concello de Viveiro quere aclarar que, como todos os anos, se aproba en pleno a designación dos días festivos locais deste concello para o vindeiro ano, que normalmente son o Martes de Entroido e o 16 de agosto. O próximo ano, en 2020, o 16 de agosto é domingo e, por ese motivo, na Comisión Informativa previa ao pleno por parte do concello propúxose, como alternativa a esa data, o 17 de agosto. Nesa comisión, os voceiros de todos os grupos políticos concluiron que tres días festivos seguidos era excesivo e a voceira do Bloque Nacionalista Galego propuxo o Luns de Naseiro. Esta proposta foi aceptada por todos os presentes, incluído o voceiro do Partido Popular que tamén estaba nesa comisión e que votou a favor de designar como festivos locais o Martes de Entroido e o Luns de Naseiro, sen acordarse en ningún momento nin da Asociación Centro Comercial Histórico nin da data do 2 de novembro.

Consecuentemente, nesa comisión informativa ditaminouse favorablemente ese asunto da orde do pleno celebrado o pasado mércores, co fin de determinar como festivos locais para o ano 2020 os días Martes de Entroido e Luns de Naseiro.

Tamén se tivo en conta que o pequeno comercio ten a posibilidade de abrir en festivos, tal e como teñen feito noutras ocasións.

O día antes do pleno, o martes, a Alcaldía recibe un escrito presentado no rexistro municipal pola Asociación Centro Comercial Histórico onde se propón como un dos festivos locais do vindeiro ano a data do 2 de novembro, atendendo á situación na que se atopa o comercial local e facendo referencia aos prexuízos que lles causaría pechar en agosto.

Aínda que esta proposta xa non entraba directamente no pleno, por que a comisión informativa xa estaba celebrada e a convocatoria do pleno xa fora realizada, a alcaldesa púxose en contacto cos voceiros dos demais grupos municipais e fíxolles chegar esta proposta da Asociación Centro Comercial Histórico, que foi debatida unhas horas antes do pleno.

Son Viveiro, Por Viveiro, Bloque Nacionalista Galego e Partido Socialista acordaron manter a proposta inicial e sobre os comerciantes, entenden que é unha asociación que defende a un colectivo concreto e que o Concello debe velar polos intereses xerais. Consideraron, ademais, que o 16 de agosto sempre foi festivo e que, coa proposta, o único que se facía era cambiar un día festivo de agosto por outro festivo no mesmo mes. Foi neste momento cando o Partido Popular se desmarcou, segundo asegura a alcalde, e apoiou a proposta do 2 de novembro.

Consecuentemente, as declaracións do Partido Popular facendo alusión a que eles son os únicos que apoian ao comercial local parécenlle á alcaldesa afastadas da realidade, que son manipuladoras e que o único que pretenden é enganar aos veciños. Son totalmente desproporcionadas, engade, e é evidente que dende o goberno se apoia ao comercial local. 

Debe quedar claro que o único partido político que se apartou do acordado na comisión informativa e o único que modificou a súa opinión foi o Partido Popular, quen na comisión informativa previa non se acordou do comercio e que o único que pretende coas súas declaracións é manipular e terxiversar a realidade, asegura.

0.18086314201355