Viveiro informa da celebración “con limitacións” do mercado semanal

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Viveiro informou á veciñanza que hoxe, xoves 7 de maio, volverá celebrarse “con determinadas limitacións” o mercado semanal da Praza Maior.
7 Maio 2020

O Concello de Viveiro informou á veciñanza que hoxe, xoves 7 de maio, volverá celebrarse “con determinadas limitacións” o mercado semanal da Praza Maior.

A decisión deriva da resolución da Consellería do Medio Rural da Xunta que, o pasado 4 de maio, acordou levantar a partir desa data a prohibición relativa á realización dos mercados tradicionais que teñen lugar nos concellos de Galicia con venda directa de produtos agrícolas e gandeiros, establecendo unha serie de requisitos.

En virtude desta resolución e atendendo ás limitacións impostas, a partir de mañá permítese a celebración do mercado semanal da Praza Maior, no que poderán instalarse unica e exclusivamente aqueles postos de  persoas titulares da explotación agraria con actividade inscritas na sección de venda directa (SEVEDI) do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA), dedicados á venda directa de produtos agrícolas e gandeiros do sector da alimentación e produtos perecedoiros. 

Aedmais, hai que garantir a limitación de aforo máxima do 25% dos postos habituais ou autorizados e unha afluencia inferior a un terzo do aforo habitual. Atendendo ás limitacións impostas con respecto ao tipo de venda autorizada e segundo os postos que viñan instalándose no mercado semanal de Viveiro, na súa reanudación poderán instalarse unicamente dous dos postos habituais, por ser os únicos inscritos na sección de venda directa do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Algunhas das limitacións ou requisitos establecidos nesta resolucións para que sexan tidos en conta son que os postos deberán atoparse separados por unha vía de tránsito e cunha distancia mínima entre eles de 6 metros. Permítese unha separación mínima de 4 metros entre os laterais, evitando que os postos de venda se atopen de fronte uns a outros.

Dentro dun mesmo posto as persoas vendedoras deberán gardar entre si unha distancia mínima de 2 metros, quedando restrinxida a actividade comercial a un único operador no caso de que as medidas do posto non fagan posible esta separación física. 

Tamén recoméndase aos responsables dos postos poñer a disposición da clientela luvas desbotables. En todo caso, será indispensable o uso de luvas para tocar os produtos en venta. Recoméndase contar con dispensadores de xel desinfectante para uso tanto das persoas vendedoras como das persoas usuarias de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias.

E a distancia mínima entre cada persoa usuaria do mercado será de 2 metros coas excepcións que establece ao efecto a normativa estatal. 

Durante a celebración do mercado, a Policía Local velará polo cumprimento destas e das demais limitacións establecidas, referidas a disposición dos postos ou á recollida dos refugallos xerados.

0.16440796852112