Viveiro pon en marcha dúas actividades para escolares
O Concello de Viveiro, a través da Concellaría de Cultura, poñerá en marcha dúas iniciativas dirixidas aos escolares coa finalidade de fomentar a súa creatividade durante estes días de confinamento e ofrecerlles unhas actividades que os permitirán manterse vinculados ao mundo cultural do concello, ademais de servir de entretemento durante este período de alarma.
A primeira destas propostas, baixo o nome de Biblio-Mascota, vai dirixida aos nenos e nenas de Viveiro que cursen Primaria e con ela preténdese escoller á que será a mascota da Biblioteca Pública Municipal no ano 2020.
Este concurso nace coa pretensión de darlle continuidade no tempo, polo que o deseño escollido non será definitivo, senón que cada ano se realizará unha nova edición ofrecendo aos nenos e nenas a oportunidade de participar nesta iniciativa.
Co debuxo gañador realizarase un peluche que, durante un ano, se convertirá na mascota da biblioteca municipal; o neno ou nena gañador/a recibirá un lote de material escolar, ademais dun abono para as actividades infantís do Teatro Pastor Díaz.
Os debuxos enviaranse ao correo electrónico da Biblioteca de Viveiro: biblioteca.viveiro@viveiro.es , e o prazo remata o 13 de abril.
A segunda das iniciativas posta en marcha vai dirixida a todos os nenos e nenas de Viveiro, para que ao longo da duración do Estado de Alarma poidan enviar ao correo electrónico do Departamento de Cultura (rbg.cultura@viveiro.es) as súas fotografías ou arquivos con debuxos e mensaxes de ánimo en lingua galega, facendo constar o nome e apelidos do neno ou nena.
Cando remate esta difícil situación, o concello organizará unha exposición nas instalacións municipais e editará un video conmemorativo destas datas que están sendo tan complexas para todos. O envío dos traballos ao correo antes referido leva implícita a autorización para a exposición dos debuxos que se reciban.
Finalmente, unha vez que pase todo isto e que por parte do goberno central se autorice a organización de eventos, “o concello organizará unha festa na Praza Maior para todos os nenos e nenas de Viveiro, como mostra de recoñecemento polo ben que o están facendo estes días, nos que están aprendendo, entre outras cousas, a ser máis pacientes e como mostra de recoñecemento polo esforzo que están realizando quedando na casa”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.
O concello anima a todos os nenos e nenas a que se animen a participar nestas iniciativas, lembrando que as bases do concurso Biblio-mascota se darán a coñecer ao longo desta semana.