Viveiro promociona o seu potencial turístico en Sportur Galicia

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
15 Nov 2019

O Concello de Viveiro promociona esta semana o seu potencial turístico e deportivo en Ourense, onde se celebran o Congreso Ibérico de Turismo Deportivo e a terceira edición do Salón do Deporte e Turismo Activo Sportur Galicia.

O concello conta cun stand propio en Expourense, “no que informamos dos atractivos de Viveiro para practicar deportes de natureza, sen esquencer por suposto o noso patrimonio paisaxístico, histórico ou a gastronomía”, afirma Marisol Rey, concelleira de Turismo de Viveiro.

“Nestes días temos pechadas reunións de traballo cos 16 touroperadores internacionais presentes en Ourense, queremos desestacionalizar a nosa oferta turística e o deporte é unha das mellores formas de facelo”, explica Rey.

Ademais de promocionar o concello, no stand de Viveiro hai tamén información da firma de actividades deportivas e de ocio RoqSport. “Invitamos a todas as empresas do sector a estar aquí”, engade a concelleira.

“Promocionamos un Viveiro saudable, cunha contorna natural única para practicar deportes ou albergar espectáculos como o deste fin de semana, o Ralli da Mariña”, afirma Marisol Rey, que mostra a súa satisfacción “polo interese de touroperadores e particulares polo noso concello”.

Sportur Galicia cunta cun centenar de participantes e un programa formado por máis de sesenta actividades, entre elas exhibicións, entrenamentos, campionatos e obradoiros.

0.12897801399231