Viveiro conta cun renovado pavillón municipal

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
18 Jan 2020

O Concello de Viveiro recepcionou as obras de renovación do pavimento do pavillón municipal, unha actuación que serviu tamén para pintar o interior das instalacións. Este fin de semana xa estará operativo para a práctica deportiva.

O importe do proxecto foi de 134.000 euros e a obra fíxose con cargo ao Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2019 da Deputación de Lugo. O novo pavimento, de última xeración, é de madeira de haya maciza, cunhas condicións idóneas para a práctica deportiva.

O pavillón polideportivo municipal, construído a principios da década dos 80, acolle numerosas actividades deportivas, o que implicaba un forte desgaste das instalacións polo uso. Na pista se practican habitualmente fútbol sala, balonmán e baloncesto, ademais doutros deportes como a ximnasia rítmica.

“Estamos moi satisfeitos do resultado das obras, unha actuación derivada das demandas dos clubes deportivos, cos que mantemos un contacto permanente, e da necesidade de reposición dun pavimento deportivo que pola súa antigüidade se atopaba nunha situación precaria”, afirma a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

Loureiro aproveitou a recepción das obras para criticar a postura do PP, “nunha constructiva, xa que agora demandan unha intervención para mellorar o acceso ao pavillón das persoas de mobilidade reducida; saben que é un tema prioritario para o noso concello, pero as instalacións son dos anos oitenta e temos que ir renovándoas pouco a pouco, dentro das nosas posibilidades”.

“A forma de facer política do PP reflíctese tamén no deporte, xa que cando a Xunta concede alguna subvención para Viveiro neste eido, o portavoz municipal do Partido Popular ou o señor Balseiro non falan co concello, como si fai nos concellos nos que goberna o PP, se non que falan directamente cos clubes, o que provoca ás veces que se fagan varias obras nunha mesma instalación en vez de repartilas máis; así é moi complicado manter unha coordinación e unha programación axeitada de melloras nas infraestrturas”, afirma Loureiro.

“A delegación da Xunta en Lugo é unha oficina do PP, móvese por intereses meramente partidistas, e en ocasións aceptamos os cartos para determinadas actuacións para non perdelos porque os prazos son moi axustados, pero o concello non ten un coñecemento previo porque falan cos clubs en vez de facelo con nós; que xulguen os veciños de Viveiro se esta forma de facer política é a máis axeitada”, apunta.

“Ademais, en moitos casos non cumpren as cantidades que lles ofrecen aos clubes; non estamos en contra de que falen con eles, que saben as necesidades das instalacións, pero é incomprensible que non falen ao mesmo tempo co concello”, engade.

Para o Concello de Viveiro, o deporte e o fomento dos hábitos de vida saudables son prioridades na súa acción de goberno. Cada ano son máis os veciños e veciñas de todas as idades que practican algún tipo de modalidade deportiva.

0.14190602302551