Viveiro remata a campaña de control da gaivota atendendo 162 reclamacións

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Viveiro prestou por segundo ano o servizo de control da gaivota patiamarela no municipio, que tivo lugar entre o 18 de maio e o 31 de agosto, coincidindo coa temporada de cría.
27 sep 2020

O Concello de Viveiro prestou por segundo ano o servizo de control da gaivota patiamarela no municipio, que tivo lugar entre o 18 de maio e o 31 de agosto, coincidindo coa temporada de cría.

A presente campaña de control de gaivotas deu comezo cun leve retraso con respecto ao previsto, debido á situación establecida no seu momento pola pandemia da covid.

Este servizo foi realizado por unha empresa especializada que conta cos pertinentes permisos da Xunta de Galicia para o control poboacional da gaivota, para a retirada de niños, ovos e polos e a posterior xestións dos mesmo, cumprindo sempre as pautas que marca a Lei de Benestar Animal para este tipo de actuacións.

Grazas á gran colaboración prestada por parte dos veciños e veciñas de Viveiro, conseguiuse realizar un servizo efectivo dentro dos tres cascos urbanos que compoñen o municipio, atendendo un total de 162 reclamacións doutros tantos veciños.

Como no ano anterior, a zona máis afectada atópase no casco antigo de Viveiro, seguida de Celeiro e, en menor medida, na zona de Covas. En total retiráronse 341 niños, nos que se encontraron 576 ovos e 116 polos, todos eles retirados dos tellados.

No estudo final confirmouse que a problemática xerada por esta especie na anterior campaña persiste no tempo, cun aumento no total de parellas reprodutoras atopadas no entorno urbano, chegando ás 218 parellas localizadas, das cales se interviu a 214, xa que nalgúns casos foi imposible ao non ter acceso ás zonas de nidificación.

Comprobouse, ademais, que o servizo xa obtivo resultados en canto á realización de segundas e terceiras postas por parte desta especie, confirmando un descenso das mesmas, xa que na comparativa co ano 2019 se observa que, aínda realizando o control sobre máis parellas no presente ano, obtívéronse un número similar de niños, ovos e polos ou incluso menor nalgúns casos.

Finalmente, cabe sinalar que este ano se retiraron 694 kg dos materiais cos que fixeron os niños nos tellados e que o récord en niños atopados nun só tellado está nunha vivenda de Celeiro, con dez niños.

0.14176321029663