Viveiro reparte o primeiro lote de máscaras elaboradas polos voluntarios

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Viveiro comenzou a repartir o primeiro lote de máscaras elaboradas polos 96 voluntarios e voluntarias que forman parte da iniciativa xestionada polo concello para a elaboración e distribución deste elemento de protección.
3 Apr 2020

O Concello de Viveiro comenzou a repartir o primeiro lote de máscaras elaboradas polos 96 voluntarios e voluntarias que forman parte da iniciativa xestionada polo concello para a elaboración e distribución deste elemento de protección.

En apenas tres días coséronse unhas 500 máscaras, que foron entregadas nas dúas residencias de maiores existentes no municipio e no centro de saúde. Haberá tamén distribución nos supermercados, farmacias ou estacións de servizo, establecementos onde hai traballadores e traballadoras expostas.

“Cómpre salientar a boa acollida desta iniciativa, destacando a ilusión coa que todos os voluntarios e voluntarias están recibindo o material e traballando dende os seus fogares”, afirma a alcaldesa, María Loureiro.

Atendendo á gran cantidade de material de doado e ao número de persoas que están a coser as máscaras, estímase que se van elaborar unhas 4.000 ou 5.000 unidades.

O concello quere agradecer publicamente a xenerosidade de Alcoa, África Copias, Mercería Bolboreta, Mercería Nuria, Super Chino Lodeiro, Isabel Acevedo Vilas, Marané Moda Infantil, Elena Giganto Álvarez e CEIP de Covas, que donaron material necesario para confeccionar as máscaras; e, como non, agradecer aos 96 voluntarios e voluntarias que se están a encargar de coselas.

Finalmente, quérese facer mención a Xabi, profesor do IES de Xove que cedeu máscaras protectoras, e ao Grupo Futures, que tamén tiña comunicado a súa intención de donar pantallas de protección e que non puido realizar esta entrega de material polo incendio que, desgraciadamente, sufriu nas súas instalacións de Celeiro.

0.15891289710999