Viveiro restaura as bases dos canóns instalados nos xardíns Noriega Varela
O Concello de Viveiro rematou estes días a restauración das bases dos canóns instalados nos xardíns Noriega Varela.
Estes canóns proceden da fragata Santa María Magdalena, que se afundiu na ría de Viveiro o 2 de novembro de 1810. Os dous canóns de ferro foron recuperados na década dos 50 do século pasado e o obús a finais do século XX.
Estes canóns tiveron varias localizacións na vila, como a porta de Carlos V ou castelo da Ponte, e o parque Pernas Peón, mentres que o obús estivo colocado na rotonda norte, á entrada de Viveiro preto da Oficina de Turismo.
No ano 2010 celebrouse o bicentenario do afundimento na ría de Viveiro da fragata Magdalena e do bergantín Palomo, ademais doutros buques. Con este motivo, creouse unha Comisión do Bicentenario composta por varias entidades e o Concello de Viveiro para realizar diferentes actos de conmemoración da efeméride.
“Foi dentro deses actos cando se trouxeron desde o parque Pernas Peón para as inmediacións do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, situado nos xardíns de Noriega Varela”, lembra Jesús Fernández, tenente de alcalde e concelleiro do Mar de Viveiro.
Os canóns non tiñan cureñas e de facelas encargouse a Escola de Artes e Oficios da Deputación de Lugo en madeira de carballo, pero co paso do tempo foise deteriorando e por iso houbo que realizar a restauración nas bases, tanto dun dos canóns de ferro como no obús de bronce.
Tamén restaurouse a simulación da cuberta do barco, onde está situado o outro canón de ferro. Se anteriormente as cureñas eran da case a mesma madeira que na época do afundimento, agora optouse por madeira de elondo, que soporta mellor as condicións meteorolóxicas.