Vivenda inicia o proceso para adxudicar unha vivenda para menores de 36 en Vilalba

Vense de poñer en marcha con cargo á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), o procedemento para a adxudicación dunha vivenda de promoción pública (VPP) en réxime de alugueiro accesible no concello de Vilalba.
O anuncio, publicado este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG), recolle o acordo da Comisión Provincial de Vivenda de Lugo polo que se inicia o proceso de selección de persoas adxudicatarias.
A vivenda, situada na rúa Concepción Arenal nº14, baixo e primeira planta, foi rehabilitada ao abeiro do Programa Rexurbe, cun investimento de 136.104 euros. Conta cunha superficie útil de 63,80 metros cadrados e está distribuída en dous dormitorios.
A adxudicación realizarase mediante sorteo público o próximo 30 de abril, entre aquelas persoas que estivesen inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia con Vilalba como concello preferente na data de inicio do procedemento. Os contratos de alugueiro terán unha duración inicial de sete anos.
Unha vez realizado o sorteo, a lista provisional de adxudicatarios publicarase nos taboleiros de anuncios do Concello e do IGVS, así como na páxina web deste organismo. Abrirase entón un prazo de 10 días para presentar alegacións ou reclamacións.