Volve a Feira do Indiano á parroquia vilalbesa de Santaballa
A Liga Santaballesa celebra un ano máis as Xornadas sobre Migracións Indianas, que acadan a súa décimoterceira edición na contorna da escola habaneira da parroquia xunto á tradicional Feira Indiana.
O seu tradicional programa festivo terá lugar o día 23 dando comezo ás 12.00 horas cun acto inaugural da exposición Luces de Alén Mar, cedida polo Consello da Cultura Galega, ao mesmo tempo que abren as xornadas.
Seguirán cunha mesa redonda, moderada polo historiador Daniel Manuel Vázquez Vila co título As escolas da emigración e con música de David Vilares. Ao finalizar será o tempo de música caribeña co dúo Matices.
Haberá, tamén, o xantar, aberto a todo o público con reserva antes do día 21 de setembro no telégono 652 790 220. O menú consistirá en entremeses, callos, xarrete con guarnición, sobremesa, bebidas, café e chupito, todo a un prezo de 25 euros, cos nenos de 7 a 12 anos a 12 euros e os menores de 7, en balde.
Ao longo de todo o día, haberá xogos populares e diversas exposicións e postos de venda, con especial presenza de artesáns que tamén ofrecerán mostras en vivo do seu traballo.
Á 16.30 horas retomaranse as actuacións coa exhibición de bailes tradicionais cubanos a cargo de Edro Dance, actuacións e pasacalles con dúo Matices, Toxo Guayara e David Vilares.
Pecharán a programación unha queimada popular teatralizada con Manolo Rubiños Ferreiro, ás 20.00 horas, e a foliada co Toxo Guayara.
Ademais, o día 4 de novembro, haberá visitas guiadas á casa escola e á exposición, ademais de charlas e proxeccións audiovisuais.