Volve o concurso de puzzles a Vilalba este domingo

Vilalba acollerá este domingo 13 de abril o II Concurso de Puzzles, unha actividade lúdica pensada para todas as idades que terá lugar no pavillón do CEIP Insua Bermúdez. Logo do éxito da primeira edición, o evento regresa con máis categorías e novos retos para participantes de diferentes niveis e idades.
A iniciativa, organizada por Dr. Panush coa colaboración da Asociación Española de Puzzles (AEPUZZ) e o Concello de Vilalba, ten como obxectivo fomentar a participación interxeracional e o goce do tempo en familia a través do enxeño e a concentración que require esta disciplina.
O certame desenvolverase ao longo de toda a xornada con tres modalidades principais. A categoría por parellas comezará ás 10:00 h, cun tempo máximo de dúas horas para completar un puzzle de 500 pezas. Pola tarde, ás 15:00 h, será a quenda da categoría por equipos, que contará cun reto de 1.000 pezas e un límite de tres horas.
Tamén haberá categorías infantís, que comezarán ás 12:30 h e nas que os máis pequenos poderán demostrar as súas habilidades completando puzzles de 150 ou 300 pezas, segundo a súa idade.
Establécense premios para as tres primeiras posicións de cada categoría, e as inscricións deben realizarse a través da páxina web aepuzz.es. Os socios da AEPUZZ contarán cun desconto por inscrición. As prazas son limitadas, polo que se recomenda realizar a reserva canto antes.
A vila de Vilalba convértese así, un ano máis, nun punto de encontro para afeccionados aos puzzles de toda a contorna, cunha proposta pensada para o entretemento e a convivencia familiar.