Volve o XVII Critérium Aeronáutico de Galicia e a 39ª edición da Volta Aérea a Galicia

O XVII Critérium Aeronáutico de Galicia e da 39ª edición da Volta Aérea a Galicia organizados o Real Aeroclub de Lugo no aeródromo de Rozas, no Concello de Castro de Rei, reunirán entre o 25 e o 27 de xullo a profesionais e afeccionados ao mundo da aviación cunha ampla oferta de actividades abertas ao público.
Desde o Real Aeroclub de Lugo destacan que, unha vez máis, o Critérium Aeronáutico ofrecerá unha gran variedade de propostas pensadas para achegar a aviación a toda a cidadanía. O acceso ao aeródromo será completamente gratuíto e o horario das actividades estará comprendido entre as 10:00 e as 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
Entre as actividades máis demandadas figura o salto en paracaídas en modalidade tándem, sempre baixo supervisión de profesionais. Cada salto inclúe unha clase previa, un voo de 30 minutos ata acadar os 3.500 metros de altura, unha caída libre na que se superan os 200 quilómetros por hora e un descenso en paracaídas de arredor de dez minutos ata o aterraxe. Para participar é necesario ter máis de 16 anos, non superar os 100 quilos de peso e contactar previamente coa empresa organizadora no teléfono 744 66 80 96 ou escribindo a info@skydive-iberia.com, xa que as prazas son limitadas.
Outra das propostas máis espectaculares será o voo acrobático, a bordo dun avión certificado para realizar manobras de alta dificultade. As persoas interesadas deberán solicitar a súa reserva previa escribindo ao correo administracion@aerolugo.es.
Durante a fin de semana tamén se ofrecerán voos de introdución para o público, con paseos aéreos que non requiren reserva previa e que se realizarán por orde de chegada. O Real Aeroclub lembra que fóra das datas do Critérium estes voos si poden reservarse, coa posibilidade de sobrevoar lugares como a Praia das Catedrais ou os canóns do Sil, sen restricións de idade.
Como novidade desta edición, o globo aerostático da Federación Aeronáutica Galega estará exposto e realizará voos cautivos, sen desprazamentos a longa distancia debido á complexidade de coordinar todas as actividades previstas.
A programación do Critérium incluirá ademais un simulador de voo e inchables infantís gratuítos, exhibicións de helicópteros e avións de organismos oficiais como a DXT, Garda Civil e Policía Nacional, presentacións de proxectos de aeronáutica do CIFP As Mercedes, exposición de drons e aeronaves non tripuladas, aeromodelismo e unha mostra de avións e helicópteros históricos, así como a celebración da XXXIX Volta Aérea a Galicia, integrada dentro do evento.
Desde a Deputación de Lugo, o presidente José Tomé destacou o compromiso da institución provincial que achega 10.000 euros a un evento que "sitúa a provincia como referente no mundo da aviación deportiva e da divulgación científica". Ademais, sostivo que "esta cita é un exemplo de boa organización, de colaboración institucional e de visión de futuro”, indicou o presidente, quen agradeceu a implicación de todas as persoas e entidades que fan posible esta iniciativa.
Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, felicitou á entidade organizadora pola traxectoria desta cita, atractiva para os amantes da aviación e para a cidadanía en xeral, xa que “ofrece a todo tipo de público a oportunidade de achegarse á cultura aeronáutica de forma amena, participativa e segura”.