Volve un ano máis o programa Xuntos polo Nadal

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Volve un ano máis o programa Xuntos polo Nadal, destinado ás persoas maiores que se atopen soas nestas datas
xuntos polo nadal
21 Nov 2021

Volve un ano máis o programa Xuntos polo Nadal, destinado ás persoas maiores que se atopen soas nestas datas, xa sexa por carencia de familiares ou amigos, perda do seu cónxuxe ou por outras circunstancias.

Este programa de promoción do envellecemento activo e convivencia, desenvolto pola Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, comprende a estancia nunha residencia durante 8 días (7 noites), aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa (no suposto de existir disponibilidade en habitacións individuais serán asignadas con preferencia aos participantes de maior idade).

Inclúe ademais o desprazamento en autobús desde os lugares que se establezan nas localidades que corresponda ata a residencia de tempo libre que se lle adxudique e viceversa e actividades de animación sociocultural.

Levarase a cabo en dúas quendas, a primeira entre o 22 e o 29 de decembro e a segunda entre o 31 de decembro e o 7 de xaneiro, e poderán beneficiarse aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos: ter 60 anos, cumpridos no momento en que remate o prazo de presentación de solicitudes; estar empadroado nalgún concello galego; vivir so no seu domicilio e ter que pasar só/a as datas do Nadal; valerse por si mesmo e non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio, nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da estadía, e estar vacinado frente a COVID-19 segundo o calendario sanitario vixente.

Para a selección dos participantes daráselles preferencias ás persoas que perderan ao seu cónxuxe ou persoa coa convivisen nos últimos anos, que teñan máis idade e que non participaran no Programa Xuntos polo Nadal en pasadas edicións.

O prazo de presentación de solicitudes, que deben acompañarse do informe social e da declaración responsable, remata o 30 de novembro de 2021. As solicitudes, debidamente cubertas e asinadas, deben presentarse no formulario establecido, que pode descargarse na páxina web http://politicasocial.xunta.gal/web/portal/portada/xuntospolonadal

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado PR004, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no seguinte enderezo:

https://sede.xunta.gal/cas/login?service=https%3A%2F%2Fsede.xunta.gal%2Fpresenta%2 Flogin%2Fcas

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común e dirixiranse á xefatura territorial correspondente en función do ámbito territorial do solicitante.

En todo caso, poden solicitar máis información ou resolver calquera dúbida no departamento de Servizos Sociais do Concello de Viveiro (teléfono de contacto: 982 550 421).

0.17882513999939