Volven esta fin de semana os cursos de apicultura en Muras
A Casa do Mel de Goente, nas Pontes, e o Concello de Muras retoman a súa actividade cun curso de iniciación á apicultura, que se celebrará ao longo de catro xornadas durante o mes de agosto.
O curso conta con 20 horas de formación teórica e práctica que se impartirán tanto en Muras como en Goente. Haberá clases no municipio murés toda a fin de semana: o venres 7 de 16.00 a 21.00 horas e o sábado e o domingo de 9.00 a 14.00. A última sesión terá lugar o seguinte domingo, 16, pola tarde, de 16.00 a 21.00 horas, na Casa do Mel.
Os temas que se abordarán son a bioloxía do enxame, o apicultor, a colmea, a instalación do apiario, a flora melífera, a reprodución do enxame, a saúde das abellas, como lle afecta a avespa velutina e os produtos das abellas e a súa colleita e comercialización.
As prazas son limitadas e o uso de máscara é obrigatorio. Ademais, seguirase un protocolo de seguridade polo coronavirus.