Volven o día 20 as Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros
Cabreiros volverá celebrar a partir do 20 de maio unha nova edición das Xornadas Interxeracionais Rurais que chegan á súa XIX edición e que darán comezo ás 10.30 horas co acto de inauguración para dar paso ás charlas.
A primeira será a celebración do Día das Letras Galegas, dedicado a Francisco Fernández del Riego. o profesor Xosé López ofrecerá a ponencia D. Paco de Lourenzá. Un home da casa, un home da causa. Será ás 11.00 horas para, unha despois, comezar unha actividade do colexio de Xermade, a representación do relato O cambio de nome de Suso Toro. Estará ao cargo dos alumnos de 6º. Tralo xantar, presentarase o libro Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida, elaborado por Manuel Vázquez Coto, investigadora da UDC, e Paco Veiga García, da AGXPT.
As Xornadas Interxeracionais continuarán o sábado 27 de maio ás 10.30 horas cunha mesa redonda co tema xenérico da muller rural, o seu presente e o seu futuro. Ás 12.30 está prevista a intervención de Marcos Saavedra Blanco, bibliotecario de Xermade, que falará da biblioteca do medio rural.
A sesión de tarde consistirá nun mostra de tracción animal moderna.
A seguinte cita será o 3 de xuño coa primeira sesión dedicada á presentación dos traballos premiados na IX edición do Xermade na Historia, ás 10.30. Unha hora despois presentarase o libro co premio da terceira edición e, ás 12.30 convocarase oficialmente a X edición do certame.
Tralo xantar haberá dobre sesión. Ás 16.30 horas falrase de eficiencia enerxética e autoabastecemento, a cargo de Xoán Ramón Doldán García e, ás 17.30 haberá unha mesa participativa sobre vivendas baleiras e unha dobre vida para elas.