'Volver cantando' e 'Soc maricó' gañan o Festival de Cine de Roca
A asociación Xermolos e a veciñanza de Roca clausuraron esta fin de semana outra edición do Festival de cine de música de Roca, que se celebra nesta aldea de Guitiriz por undécimo ano. O parto forte do festival, o concurso conta xa cos resultados, despois de tres xornadas de cine con proxeccións en concurso e fóra.
Así, na categoría de curtas galegas o premio foi para Volver cantando, e Lázaro Louzao, que recolleu o trofeo deseñado polo artesán vilalbés Marcos Ladra e os cen euros que tiña como premio.
O primeiro que a memoria esquece, ao morrer un ser querido, é a súa voz. Utilizando as cintas caseiras familiares que o seu pai gravou entre 1997 e 2004, o autor traza unha procura a través do seu propio recordo. Volver Cantando é o intento dun neto por recuperar a voz da súa avoa, unha muller que en vida tivo moito que dicir e cuxa voz se está perdendo no tempo. Esta carreira contra o esquecemento é en certo xeito unha homenaxe a todas as persoas cuxas vidas nunca sairán nos libros de historia pero que non por iso foron menos importantes.
Nesta categoría competía tamén con Para Kepa, A mirada delas, Leña verde e Son Seivane.
A continuación deuse paso ás proxeccións de curtas internacionais, nas que había outras cinco aspirantes e o premio foi para Soc maricó, de Miguel Vingut e Javier Riera.
Félix é un mozo adolescente que un día se enche de valor para saír do armario coa súa familia. É na súa cabeza onde se sente verdadeiramente libre, onde pode ser el mesmo e onde se enfronta con valor aos numerosos desprezos do seu pai. A súa cabeza lévao a unha realidade paralela chea de música, coraxe, alegría, rabia e sinceridade. Pero fóra da súa cabeza todo é moi distinto. O día que, durante unha cea familiar, decide saír do armario, vemos a posición represora do seu pai, pero aínda así Félix téntao ata tres veces. A súa nai, máis comprensiva tenta animalo a falar. Pero sen ningún éxito.
A palo seco, Eskuen Soinua, Camilo e Lucia: dois coraçoes de um lugar e I want to sing foron o resto de finalistas, procedentes de Andalucía, Euskadi, Brasil e Andorra.
ALDEA DE ROCA
O Festival de Cine de Música en Roca é un proxecto cultural organizado na aldea de Roca, no que durante dous días se proxectan películas, documentais e curtametraxes con temática musical, ó aire libre, e co obxectivo de dinamizala vida cultural da aldea e arredores.
Este proxecto naceu arredor da Asociación cultural Xermolos inspirado na Mostra de Cine de Ascaso.
Este ano debido á magnitude do programa, estableceuse un lugar para acampar.