Volverá en maio a Copa Deputación de fútbol

TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa | AMariñaXa
76 equipos disputarán o torneo patrocinado pola Vicepresidencia da Deputación, que repartirá premios económicos entre todos os participantes
sorteo copa deputacion lugo futbol
16 Mar 2022

76 equipos disputarán o torneo patrocinado pola Vicepresidencia da Deputación, que repartirá premios económicos entre todos os conxuntos participantes.

O deputado de Deportes Efrén Castro presentou esta tarde no Pazo de San Marcos a XXXVIII Copa Deputación de Fútbol nas categorías senior, na que participarán 76 equipos de Liga Galega 1ª e 2ª División Feminina, Preferente Autonómica Masculina, Primeira, Segunda e Terceira Autonómica Masculina.

A competición, que arrancará o 17 de maio, ofrece aos equipos a posibilidade de participaren nunha competición de ámbito provincial, con alicientes competitivos diferentes aos das ligas, ao tempo que supón unha inxección económica para os clubs xa que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo concederá premios aos conxuntos participantes, en función dos partidos disputados e das eliminatorias superadas (entre 385 e 450 euros por eliminatoria xogada como visitante e 450 e 600 por eliminatoria xogada como local, segundo as categorías).

Efrén Castro sinalou que “o patrocinio desta competición responde ao compromiso da Vicepresidencia da Deputación co tecido deportivo, ao que se ofrece apoio económico con distintas liñas de axuda e tamén oportunidades para competir e seguir formando aos xogadores e xogadoras” e lembrou que “ao longo do ano se celebran tamén competicións de ámbito provincial noutras disciplinas como o baloncesto, o atletismo ou piraguismo con ese mesmo obxectivo”.

O deputado de Deportes sinalou tamén “que a incidencia social dun deporte como o fútbol, que conta con moitas persoas afeccionadas, converte tamén esta competición nunha oportunidade para a dinamización das localidades que acollen os partidos”.

No acto de presentación, no que participou o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol Carlos Méndez e o delegado en Lugo Manolo Vilachá e que contou coa presenza de persoal directivo de medio cento de clubs, realizouse o sorteo para definir os emparellamentos nas distintas categorías, que se xogarán dacordo co seguinte calendario.

CALENDARIOS

Liga Galega 1 División Feminina e Liga Galega 2 División Feminina
(9 equipos)
Fase Previa: 17 de maio
Cuartos de final: 5 de xuño
Semifinais: 12 de xuño
Final: 19 de xuño

Preferente Autonómica e Primeira Autonómica Masculina
(27 equipos)
Fase Previa: 17 de maio
Octavos de final: 5 de xuño
Cuartos de final: 12 de xuño
Semifinais: 19 de xuño
Final: 26 de xuño

Segunda e Terceira Autonómica Masculina
(49 equipos)
Fase Previa: 17 de maio
Desaseisavos de final: 22 de maio
Octavos de final: 29 de maio
Cuartos de final: 5 de xuño
Semifinais: 12 de xuño
Final: 19 de xuño

  • Os cadros e horarios publicaranse que na web da Federación Galega de
    Fútbol (www.futgal.es)
  • Non se poderá cobrar entrada polo que o acceso aos encontros será libre.
0.10228490829468