Volverá en setembro o Encontro de Torneiros, que será presencial
A localidade de Xermade converterase de novo este ano no centro da tornería europea grazas á celebración presencial do XXI Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que terá lugar entre os días 17 e 19 de setembro. Como xa é habitual, Xunta e Deputación colaboran neste evento de divulgación do oficio tradicional da tornería, que está organizado polo Concello de Xermade.
Despois dunha edición exclusivamente en liña no 2020, nesta edición vólvese ao formato presencial no que se inclúen demostracións de profesionais de recoñecido prestixio internacional coma o francés Romuald Clemenceau, o oscense Fran Ferrer e os galegos Adrián Pena, do obradoiro Xar Arte en Madera (Vigo), e Manuel Lolo Castro, Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2018.
Durante tres días, Xermade volverase converter no centro do torneado artesanal da madeira, onde cada ano acoden profesionais non só de toda Galicia senón tamén do resto de España e de Europa, e recupérase un espazo de intercambio e aprendizaxe para profesionais e afeccionados.
A colaboración coa organización deste tipo de actividades de impulso á conservación dos oficios artesanais tradicionais forma parte da estratexia da Xunta de Galicia para impulsar e consolidar o sector artesán. A recuperación, o mantemento e a divulgación de profesións ancestrais constitúe unha ferramenta de dinamización social e de divulgación da nosa cultura, ademais de establecer referentes para os novos profesionais que se achegan a Artesanía de Galicia.