Xa hai finalistas do concurso de composicións musicais da casa museo de Manuel María

LugoXa | TerraChaXa
Contou cunha significativa participación de concursantes de fóra da Galicia e cun incremento do número de composicións presentadas
composicions-musicais-manuel-maria
Actuación
19 Jul 2024

A casa museo Manuel María fixo pública a resolución do Xurado da primeira fase da IIIª edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais que ten por obxecto premiar a mellor canción lírica para voz e piano escrita sobre un poema de Manuel María. Un concurso, o desta edición, que contou cun incremento do número de composicións presentadas respecto á edición anterior e cunha significativa participación de concursantes de fóra da Galiza. De feito, entre as cinco composicións finalistas encóntranse as dúas presentadas por Saúl Aguado de Aza, nacido en Madrid e residente en Segovia, e a presentada por Francisco José Carbonell, nacido en Valencia e residente en Estados Unidos.

O xurado decidiu escoller 5 composicións para pasar á fase final, o máximo que se prevé nas bases da convocatoria. Unha vez abertas as plicas foron designados como finalistas O carro, María Mendoza, presentada baixo o lema Centola da ría; Galiza, Saúl Aguado de Aza, presentada baixo o lema Saudade de Galiza; Neno, Saúl Aguado de Aza, presentada baixo o lema Saudade de Galiza; Mito, Luis Serrapio Fernández, presentada baixo o lema Lual, e Galicia, Francisco José Carbonell Matarredona, presentada baixo o lema Dunedain.

A canción gañadora determinarase entre estas 5 finalistas para o que se levará a cabo un concerto público que terá lugar no Auditorio da Casa-Museo Manuel María o día 26 de outubro do presente ano.

O xurado estivo presidido por Margarita Viso Soto, compositora, pianista acompañante, editora de música e musicóloga. Como vogal actuou Alejo Amoedo Portela. Catedrático de Música e Artes Escénicas na especialidade de Repertorios con Piano para Instrumentos. Tamén como vogal, Julio Cabo Meseguer. Catedrático no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Actuou de secretario, con voz e sen voto, Alberte Ansede, presidente da Fundación Manuel María.

O certame, convocado na súa terceira edición, conta cun premio en metálico de mil euros para a composición gañadora ao que hai que engadir a publicación das partituras das persoas finalistas e a súa distribución gratuíta a todos os Conservatorios de Música de Galiza.

0.16739988327026