Xa hai gañadores da IIIª edición do Concurso de videopoemas da Casa Museo Manuel María

TerraChaXa
Raquel Álvarez Prieto co videopoema Mais ao que ben quixo un día.
Xa hai gañadores da IIIª edición do Concurso de videopoemas da Casa Museo Manuel María
13 Maio 2019

Raquel Álvarez Prieto co videopoema Mais ao que ben quixo un día... e Nehuen Márquez e Álvaro Pan co videopoema Un pesadelo ao que chamaban vida veñen de seren os gañadores da III edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que organiza a Casa-Museo Manuel María.

O xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista, Eduardo Álvarez González, e a profesora e guionista, Anxa G. Refoxo, salientou do videopoema “Mais ao que ben quixo un día...” o enorme traballo que supón facer un stop motion, dando como froito unha curta onde se harmonizan o bo ritmo intrínseco e a bela plasticidade no movemento das súas figuras. Canto ao outro gañador, o videopoema “Un pesadelo ao que chamaban vida”, o xurado xustifica o premio por reflectir de maneira artística a linguaxe audiovisual, cunha boa posta en escena, e moi boa interpretación de actrices e actores, conseguindo darlle forma a esas experiencias (de acoso escolar) que terminan na destrución da persoa.

O xurado tamén outorgou unha mención de honra ao videopoema realizado por Alba Rocha e Micaela López, “Xa nin rencor, nin desprezo”. Deste traballo, o xurado salientou o ritmo da montaxe, os seus efectos de postprodución e a máis que meritoria coreografía das actrices.

Este concurso ten por finalidade potenciar a creatividade artística a través da harmonía entre palabra e imaxe e difundir a obra de Rosalía e Manuel María. Nesta terceira edición que se cerrou no día de hoxe participaron un centenar de alumnas/os de distintas localidades galegas (Rianxo, Monforte, Lugo, Guitiriz, A Coruña, Fene, Narón, Portas, Mesía e Ribadumia)

0.16408014297485