Xa hai gañadores do certame de debuxo da Tradescola

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O profesorado da Tradescola, logo de realizar as votacións, xa decidiu os finalistas do VIII Certame de Debuxo para escolares.
tradescola concerto
23 Xuño 2021

O profesorado da Tradescola, escola de música e baile tradicional xestionado pola Asociación de Gaiteiras Galegas na cidade de Lugo, logo de realizar as votacións, xa decidiu os finalistas do VIII Certame de Debuxo para escolares. Participaron máis de 200 debuxos realizados polas nenas e nenos de primeiro, segundo e terceiro curso de primaria dos centros de ensino da provincia de Lugo, "que ademais dunhas grandes dotes artísticas tamén nos amosaron os seus amplos coñecementos sobre a nosa música e o noso baile", dixeron.

Esta iniciativa organizada pola Tradescola en colaboración coa Área de Cultura da Deputación e que acadou este ano a súa oitava edición, ten a finalidade de potenciar e difundir entre os máis pequenos a música tradicional galega, axudar a que coñezan os nosos instrumentos, a nosa historia e costumes dun xeito natural, algo que constitúe unha garantía da conservación das nosas tradicións e, en definitiva, do patrimonio cultural.

"A todos os participantes queremos darlles os parabéns polos fantásticos debuxos que nos achegaron, e en especial aos 10 finalistas que recibirán como agasallo un lote de material didáctico de música tradicional", explicaron.

Os finalistas son:

  • Lucía Maseda Fernández – CEIP Illa Verde de Lugo - 8anos
  • Paula Núñez Cadenas – CEIP San Xoan de Becerreá - 6anos
  • Leire Seivane Rey – CEIP O Cantel – Foz- 8 anos
  • Martín Rivero Díaz – CEIP San Xoan de Becerreá- 6 anos
  • Ainara Rey Porto – CEIP Antas de Ulla - 8 anos
  • Paula López Afonso – CEIP Juan Rey – Lourenzá - 8anos
  • Leonor Cabana Outeiro – CPI Castroverde - 9 anos
  • Valeria Pillado Barros – CPI Castroverde - 7 anos
  • María Nogareda Sánchez – CEIP Otero Pedrayo – Rábade 8-9 anos
  • Laura Álvarez Gutierrez – CEIP A Ponte 9 anos

E o debuxo gañador do VIII Certame de debuxo da Tradescola, que poderá asistir de balde ás clases, e que ademais fará posible que se faga un concerto didáctico de música tradicional no seu cole no vindeiro curso foi o de Leire Seivane Rey, do CEIP O Cantel de Foz.

A Tradescola constitúe un proxecto educativo xestionado pola Asociación de Gaiteiras Galegas que busca formación para todas e todos aqueles que queiran achegarse á música e ao baile tradicional galego. A maiores, organiza actividades complementarias vencelladas coa difusión da cultura tradicional, como é o caso deste VIII Certame de debuxo, co que ademais de fomentar o coñecemento da nosa cultura musical, axúdase a potenciar as destrezas manuais e a imaxinación dos rapaces.

debuxo ganador tradescola
0.20277881622314