Xa hai gañadores do certame de videopoemas organizado pola Casa Museo Manuel María
Xiana Collazo Rial, do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, co videopoema Lúa descolorida, e Sara Casanova Martínez, do IES de Quiroga, co videopoema Negra sombra, foron as premiadas na II edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que organiza a Casa-Museo Manuel María.
O xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista Eduardo Álvarez González e a profesora e guionista Anxa G. Refoxo, salientou do videopoema gañador “o seu exquisito uso da linguaxe audiovisual e a coherencia nos versos escollidos que con excelentes metáforas visuais consegue transmitirnos unha historia”, e do videopoema Negra sombra resaltou “as súas estupendas metáforas visuais, unha moi suxerente utilización da cor e unha excelente montaxe para nos ofrecer a interpretración do poema”. Así mesmo, os membros do xurado sobrancearon a alta calidade acadada nesta edición, a diversidade de temáticas presentadas e o feito de que se estenda o concurso polos distintos centros educativos do país, o que é unha mostra da súa consolidación.
As gañadoras recibiron os premios do xurado e de Pilar Porto, deputada provincial responsable de Cultura. A Deputación de Lugo colabora con este certame, xuntamente co Concello de Lugo e a Deputación da Coruña.
Nesta segunda edición participaron máis de 120 alumnos de distintas localidades galegas (Vigo, Becerreá, Lugo, Dodro, Verín, Castro Caldelas, Burela, Rianxo, Quiroga, Fene, Portas, Betanzos, Porriño, Narón e Bueu) e a súa finalidade é potenciar a creatividade artística a través da harmonía entre palabra e imaxe e difundir a obra de Rosalía e Manuel María.
Os videopoemas poderán verse no noso Facebook nos próximos días.