Xa hai gañadores do concurso de videopoemas da casa Manuel María
Eloi Zabala González, do IES do Milladoiro, co videopoema Cando xa non haxa, e Pablo Araujo Rodríguez, do CPI Julia Becerra Malvar de Ribadumia, co videopoema Cando penso que te fuches, veñen de seren os gañadores da IVª edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que organiza a Casa-Museo Manuel María. Os premios foron entregados, na mañá do sábado durante o acto en que se expuxeron os traballos finalistas desta edición.
O xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista, Eduardo Álvarez González, e a profesora e guionista, Anxa G. Refoxo, salientou do videopoema Cando xa non haxa que “con eficaces imaxes, un son adecuado, acertada música e bo recitado de voz sosesaga, logra transmitir de xeito notábel o sentir e a beleza do poema. Canto ao outro gañador, o videopoema Cando penso que te fuches, o xurado xustifica o premio “porque con potentes símbolos visuais e un máis que acertado fondo musical en boa harmonía co ritmo de montaxe, consegue facer persoal un poema universal cun resultado de salientábel beleza”
O xurado tamén outorgou unha mención de honra ao videopoema Desexo III (), realizado polas alumnas do IES Sanxenxo de Portonovo, Marta González Bermúdez, Lucía Sanmartín Fraga, Clara Sueiro Figueiras, Ainara Vidal Domínguez e Érika Torres Miniño. Deste traballo, o xurado salientou a acertada escolla do encadramento vertical e o branco e negro para a imaxe que, acompañada do son como elemento narrativo, recrea de xeito moi eficaz e moi persoal o poema.
Este concurso ten por finalidade potenciar a creatividade artística a través da harmonía entre palabra e imaxe e difundir a obra de Rosalía e Manuel María. Nesta cuarta edición que se cerrou no día de hoxe presentáronse un total de cento vinte e dous videopoemas e contou con participantes de centros educativos de Vigo, A Coruña, Burela, Rianxo, Gondomar, A Guarda, Ourense, Narón, Sarria, O Milladoiro, Portonovo, Lugo, Guitiriz, Carballo, Marín, Porriño, Panxón, Rodeiro, Xanceda, Palas de Rei, Ferrol, Noia, Ribadumia, etc.