Xa hai gañadores dos premios de poesía Manuel Leiras Pulpeiro de Mondoñedo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, participou na entrega do Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro en Mondoñedo, convocado polo Concello de Mondoñedo coa colaboración da área de Cultura.
25 Nov 2019

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, participou na entrega do Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro en Mondoñedo, convocado polo Concello de Mondoñedo coa colaboración da área de Cultura.

Tras unha ofrenda floral ante a tumba do poeta enterrado na parte civil do cemiterio de Mondoñedo o 23 de novembro de 1912, o salón de plenos do casa consistorial acolleu o acto de entrega do galardóns, que cumpren oito edicións.

O ourensán Javier Rodríguez recolleu o primeiro premio pola obra Citerea, o noiés Manuel López Rodríguez recibiu o segundo premio por A ferida e a viguesa Branca Trigo Cabaleiro acadou o terceiro coa obra O heroe de vidro. “Tres obras que se complementan e que amosan os diversos camiños polos que transita a poesía en galego”, sinalou Armando Requeixo, presidente do xurado que fallou os premios.

“Hoxe, 107 anos despois do pasamento de Leiras Pulpeiro, felicitamos a tres poetas que continúan enriquecendo o patrimonio que supón a creación literaria no noso idioma”, sinalou Maite Ferreiro que incidiu “no compromiso da vicepresidencia e da área de Cultura da Deputación de Lugo coa lingua galega e promoción pública da creación literaria”.

O Premio de Poesía Leiras Pulpeiro, que contribúe tanto a honrar ao autor como a promocionar a escrita poética en galego,  xurdiu en novembro do 2012, co gallo do centenario do pasamento do autor, loado pola obra cívica, atea, republicana, filantrópica e literaria coa que contribuíu ao Rexurdimento da lingua galega.

Coincidindo co aniversario celebráranse coa colaboración da Deputación de Lugo, unhas xornadas para celebrar a figura e obra de Manuel Leiras Pulpeiro das que xurdiu un certame xa consolidado.

Nesta edición, presentáronse ao premio preto de 100 orixinais, que foron valorados por un xurado formado por Armando Requeixo, Aurea Ramil e José María Felpeto.

0.092127084732056