Xa se poden recoller nas Pontes os vales coas axudas para material escolar
O Concello das Pontes informa que, segundo as bases reguladoras específicas das axudas ás familias para a escolarización dos seus fillos/as para o curso 2021/2022, trala resolución de concesión da axuda económica, as contías serán aboadas mediante a entrega dun vale indivisible e canxeable polo dito material escolar, as persoas solicitantes propostas como beneficiarias.
Deste xeito, a persoa beneficiaria acudirá ás oficinas de Servizos Sociais (2º andar da Casa Dr. Dopeso) para retirar o vale da axuda concedida, ata o 21 de setembro, dende as 9:00 ás 13:00 horas.
Terá que recoller o vale a persoa que solicitou a axuda presentado o seu DNI. No caso de que non poda acudir persoalmente dita persoa, deberá facer unha autorización a favor de outra persoa, que acudiría coa autorización e co DNI/NIE da persoa que autoriza e da persoa autorizada.
Unha vez que a persoa beneficiaria este en posesión do vale, poderá ser canxeado polos libros, material escolar ou material informático, nos establecementos e entidades colaboradoras que teñan asinado convenio de colaboración co Concello das Pontes de García Rodríguez polo importe que figura no documento, antes do 30 de outubro de 2021.