Xabier Díaz actuará en Riotorto o 18 de abril, na véspera da Feira do Ferro

TerraChaXa | AMariñaXa
A Vicepresidencia da Deputación apoia o traballo de documentación da tradición do ferro de Riotorto
feira-do-ferro-riotorto-deputacion
31 Mar 2026

A deputada Iria Castro trasladou á Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto o apoio da Vicepresidencia da Deputación no seu labor de recuperación e documentación da tradición do ferro en Riotorto.

Unha actividade que intensificaron nos dous últimos anos coa colaboración da área de Cultura e que permitiu catalogar e rexistrar ferramentas e técnicas propias dos oficios vinculados ao ferro, así como afondar nos precedentes dunha actividade que a mediados do século XX empregaba a máis 200 persoas no concello.

Nesa liña, nos últimos meses, a Asociación recreou as chamadas “ferrerías de monte” nas que se obtiña ferro mediante un proceso de redución química, do mesmo xeito que se fixo durante milenios.

A deputada reiterou o compromiso da institución provincial durante unha visita a unha das moas de auga nas que se afiaban as ferramentas elaboradas polos ferreiros, parte do patrimonio etnográfico que a asociación reivindica como recurso para a dinamización social e turística do concello.

Iria Castro subliñou “a importancia de conservar e dar visibilidade ao patrimonio etnográfico e ao coñecemento xerado arredor da artesanía do ferro, que é unha sinal de identidade de Riotorto” e destacou que “afrontar o reto colectivo que implica dar continuidade a este oficio e manter o seu legado patrimonial esixe memoria e orgullo do propio, que é o que nos trasladan cada vez que temos a oportunidade de reunirnos cos ferreiros de Riotorto”

Xabier Díaz actuará en Riotorto na véspera da Feira do Ferro

Ademais de seguir apoiando a actividade da Asociación, que este 2026 ten previsto un intercambio de experiencias coas ferrerías de Navarra, a Vicepresidencia da Deputación colaborará na programación da Feira do Ferro cun concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre o 18 de abril.

A actuación amplía o impacto dinamizador da Feira a toda a fin de semana e pon en valor o traballo de montaxe previo ás demostracións e obradoiros dos ferreiros, que se desenvolve durante esa tarde.

A actuación encádrase na programación que a área de Cultura organiza por toda a provincia en colaboración co tecido asociativo e cos concellos para fomentar a presenza da música tradicional e dos artistas e bandas de música en galego en festivais, festas e celebracións populares.

0.11719179153442