Xabier Díaz e as Adufeiras actuarán este domingo en Vilalba

TerraChaXa
Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre estarán en Vilalba este domingo.
16 Dec 2023

Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre estarán en Vilalba este domingo. O concerto dará inicio ás 19.00 horas e terá lugar no Auditorio.

O músico Xabier Díaz conclúe unha triloxía persoal en compañía das Adufeiras de Salitre co álbum As Catedrais Silenciadas. Este traballo culmina un proceso que comezou no ano 2015 e no que o elemento diferencial son o conxunto de mulleres vocalistas e percusionistas.

Nestes anos, apenas quedan aldeas de Galicia que non fosen visitadas polo músico. As súas composicións, en moitos casos, parten do traballo de investigación, escoitando as cancións das mulleres no rural, e, doutra banda, dándolles o seu toque particular. A súa música, as influencias doutras latitudes e as súas novas letras achegan frescura a unha materia prima propia do noroeste.

Este último traballo actualiza diferentes tipos de formas musicais: hai pasodobres como No Salón das Cereixas, xotas como Illas de Sal, alalás como o tema que dá título ao disco, ribeirás como Tentenublo e muiñeiras e agarrados como o de Vilar de Cabeiras 2.0.

Este disco está a cultivar os mellores datos históricos para o proxecto: 3 meses consecutivos no Top Ten do World Music Charts Europe e entrada na sección Top of the World da prestixiosa revista Songlines (número de agosto-setembro). Nela, os editores escollen os 10 mellores discos de cada mes en todo o mundo.

0.16870713233948