Xerardo Quintiá gaña o II Premio Fina Casalderrey pola igualdade

TerraChaXa
O Xurado resolveu conceder por unanimidade o II Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade á obra presentada baixo o lema O País do Gran Furado, de Xerardo Quintiá Perez.
m1417682034444XerardoQuintia por AdrianFerreiro 20141121 01
22 Maio 2019

O Xurado resolveu conceder por unanimidade o II Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade á obra presentada baixo o lema O País do Gran Furado, de Xerardo Quintiá Perez.

Como explica o fallo, "O País do Gran Furado é unha obra que resalta polo seu humor irreverente, pola súa transgresión dos contos populares e por reivindicar a poesía, a alegría e a revolución como camiños para procurar a igualdade.

Ademais, a resolución de conflitos desde unha perspectiva pacifista e a través da palabra, nunha historia na que Toribia e a súa banda de punk son quen de axudar a outras mulleres, é outro dos grandes acertos deste texto paródico, distópico e humorístico".

O conto emprega a poesía narrativa como recurso moi apropiado para que o público lector ao que vai dirixido (nenas e nenos de 3 a 8 anos) interiorice máis facilmente a mensaxe da súa historia.

A obra será publicada por Baía Edicións en álbum ilustrado a toda cor na colección Contoxconto antes do mes de outubro e o autor recibirá 5.000 € cos que está dotado este premio.

O Premio Fina Casalderrey de Literatura pola Igualdade trátase do primeiro destas características que se convoca en Galicia, xurdido a raíz das carencias percibidas dalgunhas temáticas nos contos infantís, temáticas  que poden axudar á construción dun imaxinario en igualdade entre mulleres e homes xa desde a infancia, necesario para un mundo máis xusto.

O xurado estivo formado por Ana Luísa Bouza Santiago, socióloga, colaboradora de medios de comunicación, membro do consello de redacción da revista Andaina e administradora da revista Luzes; Montse Pena Presas, profesora da USC, escritora, colaboradora de medios de comunicación e crítica literaria; Patricia Porto Paderne, xerente da libraría compostelá especializada en temática feminista Libraría de Mulleres Lila de Lilith; Pilar Sampedro Martínez, especialista en xestión de bibliotecas escolares / literatura infantil e vicepresidenta de Gálix, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria.

0.11757898330688