Xermade acolle en outubro tres cursos sobre saúde mental, coidado familiar e tecnoloxía

TerraChaXa
Están financiados polo Ministerio de Igualdade e acreditados con diploma oficial por Grupo Forma-t e Afammer Lugo
cursos-xermade
30 Sep 2025

O Concello de Xermade organiza este mes de outubro tres accións formativas gratuítas dirixidas a persoas maiores de 16 anos, co obxectivo de mellorar o benestar emocional das familias e promover un uso responsable da tecnoloxía. Os cursos están financiados polo Ministerio de Igualdade e acreditados con diploma oficial por Grupo Forma-t e Afammer Lugo.

O primeiro dos obradoiros, Trastornos na adolescencia e prevención do suicidio, celebrarase o 6 de outubro na Escola Habanera de Roupar, de 16.00 a 22.00 horas. A formación proporcionará ferramentas para comprender os trastornos psicolóxicos máis frecuentes nesta etapa, identificar sinais de alerta e previr condutas suicidas, así como para construír un ambiente familiar seguro e saudable.

O segundo curso, Saúde mental e emocional para coidadores, terá lugar o 16 de outubro na Casa Escola de Momán, tamén de 16.00 a 22.00 horas. Está pensado para mellorar o benestar das persoas coidadoras, fortalecer o seu rol na crianza e ofrecer recursos para xestionar emocións, reducir o estrés e fomentar unha comunicación máis equilibrada dentro da familia.

O ciclo pecharase o 24 de outubro coa sesión Tecnoloxía e entretemento, que se desenvolverá na Casa Escola de Cabreiros no mesmo horario. Neste caso analizarase o impacto da tecnoloxía e do entretemento dixital nas crianzas, fomentando un uso saudable de redes sociais, videoxogos e pantallas, así como a seguridade en internet.

As persoas interesadas poden inscribirse a través do número de WhatsApp 678 74 41 78.

⚙ Configurar cookies
0.085160970687866