Xermade acolle en xaneiro un curso gratuíto para achegar a tecnoloxía ás persoas maiores

O Concello de Xermade porá en marcha no mes de xaneiro un novo curso formativo dirixido a persoas maiores co obxectivo de favorecer o uso da tecnoloxía no día a día e contribuír á inclusión dixital no medio rural. A iniciativa enmárcase no programa Pobo Dixital e leva por título Vivindo conectados desde o pobo: aplicacións de lecer e saúde.
O curso desenvolverase na Casa-Escola de Cabreiros, situada en O Chao, 22, e terá lugar os días luns 19, martes 20, mércores 21 e xoves 22 de xaneiro, en horario de 16.00 a 18.00 horas. Durante as sesións, as persoas participantes poderán aprender a utilizar aplicacións relacionadas coa saúde, o entretemento e outras ferramentas dixitais útiles para a vida cotiá, así como recursos para coñecer e compartir a historia, o patrimonio e a riqueza cultural dos pobos.
A actividade é totalmente gratuíta e está pensada para facilitar que as persoas maiores aproveiten ao máximo as posibilidades que ofrece a tecnoloxía, mellorando a súa autonomía e conexión coa contorna. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata hoxe, 5 de xaneiro, e deberá formalizarse enviando ao número de teléfono indicado o nome, apelidos, DNI ou NIE e a data de nacemento.
Esta acción está impulsada por Cibervoluntarios e conta co financiamento da Unión Europea a través do programa NextGenerationEU, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, consolidándose como unha aposta polo envellecemento activo e a igualdade de oportunidades no ámbito dixital.