Xermade acolle o espectáculo familiar 'Cuenterete' circo-contos na Casa Escola de Cabreiros

O Concello de Xermade ofrecerá o este venres, 2 de xaneiro, unha nova proposta cultural pensada para todos os públicos coa chegada do espectáculo Cuenterete, a cargo de Kascabel y Cia, unha divertida combinación de circo e contos que terá lugar na Casa Escola de Cabreiros ás 19.00 horas.
Trátase dun espectáculo próximo e participativo no que Cuenterete chega cunha maleta chea de ilusión e obxectos cos que vai cativando a atención do público a través de historias, habilidades e xogos. Na súa equipaxe leva todo o necesario para vivir, viaxar e ser feliz, ademais dun legado moi especial herdado do seu querido tío, o pallaso Tomaso, mestre da risa e do asombro.
O acordeón, os malabares e a maxia de Tomaso forman parte desta herdanza que Cuenterete fai brillar en cada función, mantendo viva a alegría do seu tío mediante contos, trucos e melodías. O espectáculo fomenta a participación espontánea do público, que descubrirá a importancia de compartir risas, xogos e abrazos nun ambiente cheo de humor e emoción.
A proposta inclúe maxia infantil, malabares, clown, canta-contos, xogos e globoflexia, converténdose nunha cita ideal para gozar en familia. Esta actividade enmárcase no programa Dinamiz-ARTj, promovido polo Instituto para a Transición Xusta e a Fundación Ciudad de la Energía, co obxectivo de achegar a cultura a todos os recunchos do territorio.