Xermade acolle unha nova edición do programa 'Camiños de Coñecemento e Experiencia' para maiores de 50

A Biblioteca Pública de Xermade será o escenario dunha nova edición do programa Camiños de Coñecemento e Experiencia, unha iniciativa impulsada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) dentro do seu Programa Universitario de Maiores, IV Ciclo, que busca democratizar o acceso ao coñecemento e promover a formación ao longo da vida.
Dirixido ás persoas maiores de 50 anos, o ciclo desenvolverase os días 3, 4, 5, 6, 12 e 13 de xuño, en horario de 16:30 a 18:00 horas, e incluirá seis sesións formativas a cargo de docentes e colaboradores da USC.
O programa comezará con dúas sesións dedicadas á botánica local tituladas As especies arbóreas da contorna, impartidas por Blanca Fraga Cimadevila, colaboradora do Programa Universitario de Maiores. Os días 5 e 6 de xuño será a quenda da escritora e profesora Anxela Gracián, que conducirá dous obradoiros de escritura creativa.
A derradeira parte do ciclo, os días 12 e 13 de xuño, estará centrada na historia de Galicia da época moderna, cunha charla titulada Campesiños, curas e fidalgos: a vida cotiá na Galicia da época moderna, a cargo dos investigadores da USC Tomás Manso Fraga e Mario Sixto Puente.
As persoas interesadas poden inscribirse no Concello de Xermade ou contactar a través do teléfono 982 501 001.
Este proxecto conta coa colaboración da Xunta de Galicia e varios concellos da provincia, entre eles os de Monforte de Lemos, Monterroso, Taboada, Viveiro, Mondoñedo, Sarria, Sober e Chantada.