Xermade acollerá en setembro o XXV Encontro Internacional de Torneiros da Madeira

O XXV Encontro Internacional de Torneiros da Madeira celebrarase entre os días 19 e 21 de setembro no polideportivo de Xermade, contando coa presenza de recoñecidos profesionais do sector da tornería a nivel internacional.
O evento foi presentado na Biblioteca Municipal coa presenza de autoridades locais e provinciais, e conta novamente co apoio da Deputación de Lugo, que contribúe cunha achega económica próxima aos 10.000 euros e coa impresión de 600 exemplares dun libro elaborado con motivo do 25 aniversario desta cita.
O presidente da Deputación, José Tomé Roca, salientou que “este evento representa o mellor do que somos como provincia: un territorio orgulloso das súas raíces, comprometido coa súa cultura e capaz de proxectarse ao mundo desde o corazón do rural”. Tamén quixo destacar “a dimensión internacional do Encontro, que nesta edición volverá contar con artesáns e artistas doutros países. Esa diversidade é unha riqueza que fortalece o evento, amplía horizontes e sitúa a Xermade como un punto de encontro entre tradicións e culturas diversas”.
Tomé Roca explicou que a colaboración da institución provincial chega a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos, “unha ferramenta clave para apoiar iniciativas que nacen da propia realidade do territorio”. Ademais, subliñou o apoio directo ao colectivo de torneiros mediante a contribución á edición dun libro que recolle a historia deste oficio en Xermade, os seus protagonistas, a evolución do Encontro ao longo das décadas e o valor inmenso que representa esta tradición para a cultura e o futuro da provincia.
No acto de presentación estiveron presentes tamén o alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, e a xerente da Fundación de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro Castro, entre outras autoridades. A programación arrancará o 19 de setembro ás 10:30 horas e incluirá obradoiros impartidos polos profesionais Jean François Escoulen, Carlyn Lindsay, Aitor Martínez, Adrián Pena e Lolo Castro, exhibición de pezas dos participantes do Encontro e a XVII edición da Exposición CONtornos.